Comunicado sobre o comedor e o economato (2021)

O pasado luns día 14 no pleno extraordinario do Comité de Empresa de Navantia Ferrol tomouse a decisión de incluír na repartición de comedor e economato a todo o persoal do Centro de Ferrol amparado no ámbito do Convenio colectivo en vigor.

A anterior decisión contou cos votos favorables dos delegados de CCOO porque consideramos que o I Convenio Colectivo Intercentros de Navantia inclúe para o goce deste dereito a tódalas traballadoras e traballadores de  GP1, GP2, GP3 e GP4, con independencia do tipo de contrato que teñan e da súa clasificación profesional. Para reafirmar esta postura sindical xa consultáramos cos nosos servizos xurídicos, que dan soporte á posición da nosa Sección Sindical afirmando que:

“A exclusión de parte do persoal sometido ao actual Convenio Colectivo da repartición da Compensación pola eliminación do comedor e o economato carece de amparo legal e convencional.”

A situación parte do seguinte escenario: no momento de desaparecer estes servizos, estableceuse unha cantidade destinada á compensación pola eliminación dos mesmos, que se foi actualizando cos sucesivos convenios colectivos. A determinación de tal cantidade foi feita proporcionalmente ao número de persoas con dereito a percibila. Este número de traballadores e traballadoras foi diminuíndo co paso do tempo, ao contrario do que fixo a cantidade global fixada en concepto de Compensación.

No caso do economato a contía foi referida ao 1% da masa salarial co seguinte reparto por centros: Ferrol 117 millóns de pesetas, Cartaxena 68 millóns de pesetas e San Fernando 64 millóns de pesetas. En Ferrol asignouse a xestión dos servizos de economato ao INI ata o ano 1996. Foi a finais deste ano cando nun pleno o comité de empresa acordou repartilo entre o persoal de convenio en activo. Incluían a traballadores con permisos por estudos, no servizo militar, aos incluídos nun expediente de regulación. En xeral, incluíndo a quen fosen alta durante ese ano e excluíndo a quen foron baixas incentivadas, ficando este mecanismo instaurado para anos sucesivos (como se recolle na Acta do pleno do Comité de Empresa de Ferrol do 12 de decembro de 1996).

Entendemos que tódalas persoas do centro de Ferrol teñen dereito a percibi-la devandita compensación, con independencia da clasificación profesional onde se sitúen (GP1, GP2, GP3, GP4), e que ninguén os pode excluír. En ningunha das actas se di que a cantidade que se estableceu para compensa-lo peche do economato e do comedor excluíse aos TS, e de feito en Ferrol os TS mantiveron o dereito a usa-los servizos asignados ó INI. A exclusión sería contraria á homoxeneización. Segundo o texto do convenio, isto tería que ficar rematado transcorridos os 9 primeiros meses de aplicación do convenio (pero aínda está sen comezar)[1]. E así se manifesta no devandito informe[2]. Entendemos que se as partes negociadoras do Convenio Colectivo quixeran excluír a un grupo de persoas da repartición de todos ou dalgún concepto social, o terían reflectido no seu articulado de xeito expreso.

Podes consultar aquí a documentación:


[1] A Disposición Adicional Primeira do Convenio vixente establece os aspectos do actual Convenio que teñen que de ser desenvoltos pola Comisión de Política Salarial e Promoción Profesional no prazo de 9 meses desde a súa entrada en vigor, entre os que se atopa “A  homoxeneización dos beneficios sociais, de conformidade coas directrices acordadas por ambas as partes” (é dicir, que a parte social ten que homoxeneiza-la repartición de tales beneficios, pero non excluír a ninguén da súa aplicación. En todo caso e ante falta de acordo no seo de tal Comisión no prazo fixado, determínase que para resolve-las discrepancias é necesario eleva-la cuestión á Comisión Mixta Paritaria (único órgano competente para interpreta-lo Convenio).

[2] “De adopta-la decisión de non abonar este concepto ás traballadoras e traballadores de novo ingreso, esta sería discriminatoria, debido a que trata de maneira diferente a colectivos de traballadoras e traballadores que non teñen unha situación obxectivamente distinta, porque a todas elas e eles lles aplica o mesmo Convenio e no mesmo, as partes negociadoras non declararon expresamente a limitación da percepción deste concepto retributivo a ningún colectivo en función da súa data de ingreso na Empresa.