Taller de Sub-bloques. Análise do investimento.

Este documento nace froito da preocupación que hai en torno ao investimento máis importante que se aproba para Navantia Ferrol nos últimos 50 anos, e da necesidade de que ese investimento produza os resultados esperados, algo que poñemos en dúbida con bastante rotundidade.

A transformación integral do estaleiro de Ferrol é unha necesidade que ninguén debería de poñer en dúbida. Segundo a propia dirección de Navantia consta da construción dun dique cuberto, a obra civil dos peiraos e a construción dun taller de sub-bloques.

Orixinalmente o Taller de Sub-bloques non se contemplaba, pensábase modernizar os actuais talleres de prefabricado e prearmamento. Finalmente, decidiuse no ano 2018 incluír un novo taller como complemento perfecto para a total modernización do estaleiro.

En que consiste este Taller de Sub-bloques?

Explicar este apartado é francamente difícil. Sabemos que este investimento supera os 100 M€ e que será un taller de 500 m de lonxitude, o preocupante é que actualmente non está completamente decidido como funcionará, nin que máquinas ou robots operarán nel.

O taller ten unha parte de corte, elaboración e prefabricación de sub-bloques cunha eficacia contrastada, as máquinas de corte e de incorporación de previas e mamparos son similares ás que utilizan outros estaleiros de primeiro nivel mundial. Sen embargo a parte onde se incorpora o prearmamento está totalmente verde, por non falar de procesos como o pintado de paneis e sub-bloques, que está aínda en fase de estudio.

O máis preocupante non é o nivel de inconcrecións na fase produtiva, senón que nin sequera se ten avaliada a posible produtividade do estaleiro con este taller.

Actualmente non se coñece a taxa de retorno do investimento, en todo caso o noso estaleiro non se adica a cortar buques en serie. Non é insensato pensar que investir 100 M€ nun taller de elaboración e prefabricación, sen un dique que aproveite esas capacidades, é unha barbaridade.

Polo que acabamos de expoñer pensamos que nestes intres, este investimento non é o máis urxente. Non sabemos aínda en que grao vai mellora-los procesos, de forma que se xustifique tal cantidade de cartos.

No futuro este taller vai ser necesario, pero un investimento tan importante debera de ir acompañado dunha valoración das melloras significativas en canto a aforro en tempos e custos de fabricación. Actividades tan determinantes como o pintado de paneis ou previas, e mesmo a robotización nas fases de incorporación de prearmamento van producir moitísimo aforro en prazos e en prezo, pero iso non pode ser decidido despois da construción do taller, polo tanto cando se vaia comeza-lo novo taller xa ten que estar definido como vai ser, e logo facelo.

Tal e como lle dixemos á Presidenta na reunión telemática que celebrou con tódolos delegados de Ferrol:

“Non vémo-la utilidade do taller sen o dique. Isto é como se o investimento do Porto Exterior de Ferrol comezase co tren e se deixase para o final o propio porto. Primeiro se fixo o porto e logo se lle pon o tren e non ao revés. E coa nova planta do estaleiro de Ferrol pasa o mesmo, primeiro hai que te-lo dique e logo o resto, tal e como estaba previsto en xullo do 2018”

Que propoñemos as CC.OO.?

É totalmente necesario establecer non só como debe de ser a transformación do estaleiro, senón en que orde deben de acometerse os investimentos.

  1. O primeiro paso é sen lugar a dúbidas a construción do dique seco.

O cambio de construír en grada a dique, acompañado da renovación dos medios de elevación (grúas pórtico de gran tonelaxe) suporá un aforro considerable en prazos e en custos. Ademais terémo-la capacidade de cambiar a estratexia construtiva e fabricar grandes bloques, polo tanto o aforro será maior ao adiantar as fases de construción que facemos actualmente en grada ou a flote.

Tampouco temos dúbidas de que o segundo paso é a cubrición do dique.

Actividades coma o pintado e a soldadura son dende hai bastantes anos a principal preocupación das empresas que se adican á inspección. Ferrol ten que mostrar un estaleiro onde os tratamentos de superficies e as soldaduras non se fan á intemperie. O cambio cualitativo no produto final é incuestionable.

Á marxe da calidade, hai outros aspectos que deberían de ser tidos en conta pola nosa dirección como son as melloras na seguridade e saúde das e dos traballadores baixo cuberta e as melloras tamén no impacto medioambiental, algo que os clientes dos distintos países valoran moi positivamente no momento de contratárno-los buques.

2. Construción do Taller de Sub-bloques.

Unha vez acometidas as dúas primeiras fases será o momento de fabrica-lo Taller de Sub-bloques, unha vez a definición de como debe de ser estea totalmente rematada, e se concreten as melloras que vai supoñer un investimento de esta magnitude. As CC.OO. pensamos que un Taller de Sub-bloques sen dique non é a obra que nos traerá as melloras significativas que xustifiquen tal investimento, aínda que iso non significa que non sexamos coñecedores das posibles innovacións que se están a estudar, e no momento que se materialicen as apoiemos sen lugar a dúbidas. O elaborado e prefabricado de previas e sub-bloques no proxecto actual limítase ao estado do arte xa utilizado en moitos estaleiros e que non mellorará substancialmente as capacidades actuais deses outros estaleiros, sen embargo innovar nos procesos de pintado e leva-la montaxe de prearmamento a fases máis temperás cas actuais vai mellorar cuantitativa e cualitativamente os procesos actuais e convertería este investimento en algo máis que recomendable.

3. Construción dos peiraos e acceso á fábrica.

Unha vez modernizado o estaleiro, debería de concentrarse tódala actividade da factoría naval na zona de dique. Isto implica a construción de peiraos e posiblemente unha reordenación dos aparcadoiros e accesos á factoría. É sen ningunha dúbida a fase menos determinante produtivamente falando, pero no futuro establecería un mellor aproveitamento dos espazos na factoría, liberando grandes superficies na actual zona de armamento que ben poderían usarse con fins públicos de diversa índole.