Reunión da nova presidenta de Navantia co comité de empresa

Queremos compartir con vós este resumo que preparamos da reunión que mantivo o pasado martes 2 de febreiro a presidenta de Navantia co comité de empresa.

Aquí podes descarga-lo pdf do comunicado en galego:

O pasado martes 2 de febreiro, o comité mantivo unha reunión telemática coa presidenta de Navantia, Belén Gualda, en principio protocolaria, onde se presentou oficialmente, pero que finalmente deixou bastante inquedanza e decepción nos representantes dos e das traballadoras.

A presidenta de Navantia, Belén Gualda

O portavoz do comité de empresa recordoulle a importancia que ten Navantia en Ferrolterra e a preocupación que impera nas alcaldías de toda a comarca pola destrución do tecido empresarial e polo futuro dos dous centros de traballo que ten Navantia na nosa comarca.

Mostrou tamén a preocupación polo desenrolo do programa F-110 e recordou que noutros programas que nos situarían a Navantia como empresa da elite mundial de construción naval, as nosas opcións remataron fracasando.

A principal reivindicación da parte social foi a falta de compromiso coa transformación do estaleiro e a incerteza sobre o futuro da Fábrica de Turbinas e do Departamento de Reparacións (Carenas). A situación real é que encontrámonos en inferioridade de condicións para competir co resto de estaleiros internacionais, xa que todos  eles transformaron recentemente as súas instalacións e constrúen os seus buques en diques cubertos, mentres que as nosas instalacións son vellas e non nos están a permitir que compitamos en prezos e en custos.

A resposta da presidenta é incomprensible: enumera os compromisos adquiridos no plan industrial e comenta que as inversións para continuar coa transformación total do estaleiro virán acompañadas dos programas navais a medida que se estes se vaian contratando. Literalmente di que “os programas traerán as inversións futuras”.

Tamén alegou que hai varias liñas de actuación que se están intentando no negocio de da Fábrica de Turbinas como as relacionadas coa biomasa e co hidróxeno verde. Expóñemos que non e lóxico que sexan os programas futuros os que traian as inversións, precisamente as inversións son fundamentais para poder gañar programas futuros, e que nos tememos que coa actual planta non haberá programas. Ademais recordámoslle que Ferrol non so se dedicaba a construír fragatas, pois nos últimos 30 anos fabricamos mais de 30 buques, e a metade deles non eran fragatas: eran LHDs, LPDs, AAORs e outros. E agora nas actuais instalacións non seríamos capaces de fabricar eses buques simultaneamente con fragatas. Isto para nós supón afundi-la comarca de Ferrolterra.

Explicámoslle tamén que o taller de sub-bloques estaba previsto para unha fase posterior á construción do dique seco, e que adiantar ese taller ao propio dique e un erro, porque as gradas (as actuais instalacións), non serán capaces de asumir toda a produtividade deste taller. Sen o dique seco, converterase nunha inversión falida, e non podemos tirar 100M€ nun taller que non suporá ningún tipo de mellora mentres teñamos que construír nas gradas: necesitamos pasar a construír en dique cuberto,  mellorar a capacidade de elevación como estaba previsto, e pasar xa á construción modular de grandes bloques.

A Representación Legal dos Traballadores (RLT) recorda que hai outra inversión comprometida tan importante ou mais que a anterior. As novas incorporacións de persoal comprometidas no plan non se están a producir, e sen incorporacións tampouco hai futuro.

Por último a presidenta comprometeuse a que Fernando Ramírez (xefe de RR.HH.) convoque á RLT para rematar os procesos pendentes de incorporacións e o resto de temas que faltan por acordar nas comisións de traballo.

Conclusións:

Nunha reunión de menos de 1 hora é difícil sacar conclusións sólidas.

A actual presidenta non ten claro que Navantia estivera sendo dirixida de forma óptima, e na súa intervención explicou que estaban estudando cambios a  nivel organizativo, sen concretar máis.

Sorpréndenos que unha persoa tan acostumada a decidir investimentos supedite as inversións á consecución de programas, cando son eses investimentos os que permitirán conseguir programas, e non ao contrario.

En relación á Fábrica de Turbinas a sensación que tivemos foi exactamente a mesma que nas inversións, cantos de serea que xa coñecemos.

Evitou comprometerse a unha nova reunión máis extensa onde abordar todos estes temas polo miúdo, e iso que llo propuxemos en varias das intervencións, e invitámola tamén a visitalas instalacións para mostrarlle in situ as localizacións físicas do taller e do futuro dique.

En todo caso nas próximas semanas coñeceremos realmente o grado de compromiso da nova presidenta.