Navantia. Pasado, Presente e Futuro

Queremos dar a coñece-la extrema importancia que ten para nós a modernización de Navantia, polo que facemos público dende aquí este documento sobre os estaleiros da Ría de Ferrol “NAVANTIA: PASADO, PRESENTE E FUTURO

Para comprende-la situación actual de Navantia, e concretamente no estaleiro de Ferrol, é importante recordar o pasado mais preto dende a firma do plan industrial e do convenio colectivo. Soamente analizando o pasado conseguiremos entende-lo presente, e de non remedialo, o que nos depara o futuro.

Firma do plan industrial:

Se facemos memoria, recordaremos con acritude o paso pola presidencia de Navantia de José Manuel Revuelta durante 5 largos anos (2012-2017), un lustro carente de relacións laborais, con ameazas de ERES e de peches de centros, e un convenio colectivo que denunciamos e tombamos na audiencia nacional en febreiro do 2015 e definitivamente no tribunal supremo a finais do 2016. Daquela o consello de ministros nomea a Pilar Platero presidenta da SEPI, que de súpeto produce un cambio con resultados moi positivos na nosa empresa.

Pilar Platero adquire o compromiso de restituír tódolos dereitos recollidos no convenio colectivo. En abril de 2017 nomea presidente de Navantia a Esteban García Vilasánchez, e comprométese tamén a desenvolver un plan industrial cuns eixos centrais que eran o rexuvenecemento dos cadros de persoal, un ambicioso plan de formación e a transformación dos estaleiros cara a industria 4.0.

Esta época, entre o nomeamento de Pilar Platero (decembro de 2016) e a substitucións de Esteban G. Vilasánchez e da propia presidenta da SEPI (xullo de 2018), é importante que a teñamos en conta de cara ó futuro, xa que é daquela cando se poñen os cimentos do actual plan industrial e paralelamente conclúese un estudo que Vilasánchez, na súa anterior etapa coma director industrial, encargara ao centro tecnolóxico Romero Landa e á consultora McKinsey. Dito estudo, denominado “Plan de transformación del astillero de Ferrol”, estableceu como mellora-los procesos no estaleiro de Ferrol, tomando como exemplo os principais construtores navais a nivel mundial.

Tralo cambio de goberno en 2018, tanto Pilar Platero como Esteban G. Vilasánchez rematan nas súas responsabilidades.

Vicente Fernández Guerrero e Susana de Sarriá son nomeados presidentes de SEPI e de Navantia, respectivamente. Ámbolos dous reafirman o seu compromiso co plan industrial e co convenio colectivo que se estaba a negociar.

En decembro de ese mesmo ano decídese firmar un plan industrial e un convenio colectivo, ambos moi condicionados no tempo pola inestabilidade política e por un posible adianto de eleccións que poderían, unha vez mais, levar ao traste a negociación naquel intre.

O plan industrial baseábase en 4 pilares fundamentais:

  1. Un plan comercial e de operacións para incrementa-los ingresos.
  2. Un plan de eficiencia operativa para diminuír custos e prazos. Transformación dixital da compañía e modernización dos centros.
  3. Un plan de rexuvenecemento.
  4. Un plan de formación para orienta-los cadros de persoal cara ao novo estaleiro 4.0.

O convenio colectivo, respectando os dereitos dos convenios anteriores, tanto militares como civís, comprometía a creación de 5 comisións de traballo (produtividade, política salarial e promoción, emprego, formación e ordenación da industria auxiliar) coa finalidade de regula-lo modelo de contratación e subcontratación, establecer criterios homoxéneos para toda a compañía e desenvolver unha clasificación profesional única para toda Navantia, sempre baixo o principio tantas veces repetido pola dirección de “ninguén gaña e ninguén perde”, ao mesmo tempo que á fin conseguía integrar aos técnicos superiores ao convenio.

Presente en Navantia:

E difícil desenvolver un plan e un convenio tan ambicioso sen que aparezan dificultades nalgún punto. Soamente recordar que abordamos temas tan complexos coma a regulación da industria auxiliar, unha nova clasificación profesional que homoxeneiza convenio civil e militar, ademais regulámo-lo colectivo de técnicas e técnicos superiores, e algo tan importante, pero ao mesmo tempo tan difícil, como pode se-lo cambio cultural cara a unha empresa 4.0.

O que ninguén esperaba é que tras 2 anos non haxa acordo en ningún asunto, e moito menos que nin sequera se convoquen as comisións de traballo.

  1. A comisión de seguimento do Plan Estratéxico de Navantia (PEN) unicamente constituíuse, pero non se reuniu nunca.
  2. Parte dos contratos que contempla o plan industrial non se realizan, estaban comprometidos 2 buques loxísticos para o exército de terra.
  3. Non se captou ningún contrato de exportación dos contemplados no PEN, agás as corvetas árabes que xa estaban firmadas.
  4. Extractamos literalmente o que di o PEN no apartado civil.

“En el área civil se estudiarán las ofertas viables de grandes transformaciones de buques, plataformas flotantes y off-shore, Fast-Ferrys, LNGs, Cruceros, RO-PAX, RO-RO, Buques Instaladores, Plataformas, etc. y se impulsará la diversificación hacia el sector eólico marino y terrestre desarrollando y elaborando productos de alto valor añadido, con tecnología punta y cada vez más variados y complejos.”

Isto incumpriuse totalmente.

.

5. Extractamos literalmente o que di o PEN no apartado de Reparacións e Turbinas.

“NAVANTIA se compromete a potenciar las áreas de Faba, Motores, Turbinas y Carenas a fin de incrementar la actividad en dichas áreas, la diversificación de las mismas y definiendo líneas de actividad y productos.

Na Ría de Ferrol isto incumpriuse totalmente.

.

6. O convenio colectivo está totalmente bloqueado.

  • A comisión de política salarial non acordou absolutamente nada e soamente abordou a clasificación profesional dos técnicos superiores.
  • A comisión de emprego non consigue acordar procesos transparentes e está retrasadísima. No ano 2021 aínda temos por negociar prazas de incorporacións que pertencen ao ano 2019.
  • A comisión de produtividade unicamente abordou o traballo a distancia, precipitado polo COVID-19.
  • A comisión de ordenación da industria auxiliar non está constituída.

Nesta situación é doado pensar que a dirección non ten vontade por desenvolver ningún tema. Se falásemos dalgún en concreto pensaríamos que hai posturas enfrontadas e incluso que a parte sindical é inflexible, pero unha vez observámo-lo contexto xeral, a conclusión é evidente. ¿Ou é responsabilidade da parte social convoca-la comisión de seguimento do plan?, ¿non é certo que levamos moitos meses reclamando a apertura da comisión de ordenación da industria auxiliar e que se aborden os temas da comisión de produtividade?, e por último, ¿son responsabilidade da parte social os incumprimentos do PEN en relación á carga de traballo e aos compromisos con cada unha das áreas de negocio?

Esta dirección está bloqueando o desenvolvemento do convenio, e freou totalmente o seguimento do Plan Industrial!

E isto estase a ver especialmente agravado na Ría de Ferrol.

.

.

Futuro de Navantia:

Dende as CCOO de Navantia Ferrol levamos moito tempo advertindo de que este caos non é casualidade. A Dirección de Navantia ten unha axenda oculta para Ferrol que a está levando a paraliza-los plans de modernización do Estaleiro, a enturba-las relacións laborais, a mingua-las capacidades de Turbinas, en resumo, a reduci-lo potencial dos negocios de Navantia na Ría de Ferrol:

  1. A dirección industrial non acometeu ningún proxecto de construción civil, incumprindo o plan estratéxico (ve-lo punto 4 da folla 2 deste escrito).
  2. Hai un cambio significativo no plan de transformación do estaleiro de Ferrol reducindo substancialmente a capacidade do centro e condenándoo a ser máis improdutivo que os seus competidores.
  3. A principal responsable dun dos pilares básicos do PEN acaba de presenta-la súa renuncia a continuar na empresa. Sofía Honrubia pilotaba o plan comercial e de operacións co obxectivo claro de mellora-las contratacións tanto civís como militares.
  4. O noso principal cliente, que se caracteriza por unha absoluta discreción, acaba de preguntar no consello de administración de Navantia pola transformación do estaleiro de Ferrol.
  5. A dirección de Ferrol acaba de transmitir á representación dos traballadores que Navantia non contempla a construción dun dique cuberto.

Este último punto e o anterior son especialmente indicativos da situación actual.

A armada non é un cliente calquera ó que lle vendemos barcos e punto. É dependente do ministerio de defensa, e por conseguinte depende dos orzamentos do estado para financiar, entre moitas cousas, a renovación da frota.

É entendible que estea preocupada de por que o estaleiro de referencia para construí-las futuras fragatas non se moderniza do mesmo xeito que se modernizan os estaleiros de referencia das principais armadas.

En calquera caso a dirección de Navantia non debería esquecer de que a armada é o principal departamento comercial de Navantia, encárgase de amosar con orgullo ó resto de armadas os buques que fabricamos, e en moitos casos de forma moi exitosa.

En canto ao dique cuberto, imos a explicar en que se está a incumpri-lo PEN, e por que non se pode face-lo taller de sub-bloques sen unha folla de ruta clara que contemple a construción do dique cuberto.

O futuro taller de sub-bloques está orientado cara ao leste, precisamente para onde debería esta-lo dique cuberto, e está deseñado para duplica-la fabricación de bloques. ¿Que pasará se o fabrican moito tempo antes de estar operativo o dique? Pois sinxelamente que deberá traballar a un rendemento moi baixo, non teríamos capacidade de almacenar tantos bloques e a capacidade de montaxe coas actuais grúas e a mesma que antes. Ademais estando as gradas orientadas ao oeste obríganos a levar tódolos bloques dende o final do taller ata o punto de acción dos guindastres, tendo que salvar un desnivel considerable.

Pero isto xa o sabía a actual dirección, por iso cando firmou este plan, nel se recollía literalmente:

“La modernización de las infraestructuras pivotará en torno a 5 ejes principales:

Adelantar los trabajos a fases tempranas.

• Aumento del tamaño de los bloques, ya que reducen trabajos y uniones en dique / grada / a flote así como manipulaciones, etc.”

Por que a dirección mudou de proposta?, e sobre todo: por que se van gastar 100 M€ nun taller que precisa dun dique, sen que ao mesmo tempo se aposte por ese dique?

Conclusión:

Necesitamos imperiosamente un cambio de rumbo por parte da dirección industrial e da dirección de RR.HH., precipitado sen lugar a dúbidas dende o goberno central a través da SEPI.

O cumprimento dos obxectivos tanto do PEN, coma do convenio debe ser prioritario, comezando no referente a Ferrol pola elaboración dunha folla de ruta que garanta a transformación total do estaleiro a medio prazo, para que sexa igual de competitivo que os estaleiros de referencia cos que competimos.

Como anécdota, estes días chegaba á nosa sección sindical unha noticia acerca da transformación do estaleiro que fabricará as novas fragatas para a armada inglesa, en Rosyth (Escocia) (texto orixinal en inglés)*. Poucos países quedan xa que non prepararan a súa industria cara ó futuro. Ogallá o noso goberno recapacite en torno á transformación do estaleiro e nos sitúe nunhas condicións para competir en pé de igualdade polo futuro da nosa comarca.

* Tradución da noticia