ANÁLISE DA TRANSFORMACIÓN DOS ESTALEIROS DE NAVANTIA RIA DE FERROL POLA SECCIÓN SINDICAL DE CC.OO.

O propósito deste traballo, sobre a situación actual do chamado Estaleiro 4.0, non é facer unha crítica fácil ou desautorizar a ninguén en particular, senón que é analizar con seriedade, con rigor, e de xeito obxectivo, o que estivo a suceder nas unidades de negocio da nosa empresa na Ría de Ferrol nestes últimos dous anos, ao abeiro do chamado “Plan de Modernización do Estaleiro de Ferrol. ESTALEIRO 4.0 ”, proxecto que foi iniciado polo Director do Centro Tecnolóxico Romero Landa e promovido impulsado polo ex-Presidente Esteban García Vilasánchez como “motor para facilitar e garantir a competitividade futura de Navantia na Ría de Ferrol “

Cremos dende CCOO que o conxunto de traballadoras e traballadores e o da cidadanía en xeral, deben coñecer de onde ven a necesidade de transformar fisicamente o estaleiro Ferrol e en que fase se atopa dita transformación.

É ben coñecido por tódolos que entramos a traballar en Navantia tódolos días a fonda preocupación existente en toda a empresa, independentemente do nivel xerárquico de cada quen, por coñecer cales son os plans de futuro das instalacións da Ría de Ferrol. Debemos saber se o que se dixo hai un pouco máis de dous anos era certo, ou se pola contra formaba parte dalgunha “axenda oculta”. Os cidadáns desta comarca merecemos coñecer que plans hai nesta Ría para esta empresa pública.

Hai que recalcar que os datos e argumentos que se amosan a continuación, agás as análises sindicais, extráense dun estudo, e do posterior “plan de transformación do estaleiro”, ambos encargados pola dirección de Navantia.

ESTALEIRO 4.0

Pasou xa un lustro dende que o centro tecnolóxico Romero Landa, dirixido polo D. Ángel Recamán Rivas, estudou os procesos de transformación dos principais estaleiros do mundo, tanto civís como militares, concretamente 12 estaleiros entre os que se atopan os nosos principais competidores. Xa daquela descubriron que a construción en grada estaba en proceso de desaparición no estaleiros dun nivel semellante ó noso (actualmente ningún deles constrúe xa en grada), e incluso os localizados en zonas cun clima desfavorable para a construción naval tiñan resolto tamén ese hándicap cubrindo as súas instalacións.

Ese estudo deu lugar a un plan de transformación e ás súas respectivas revisións, cuxo obxectivo non era outro que establecer e xustificar as accións necesarias para a transformación dos estaleiros de Navantia na Ría de Ferrol co obxectivo de acadar unha competitividade sostible.

Como apoio ao total desenvolvemento do estaleiro 4.0, constituíuse no ano 2015 unha unidade mixta de investigación entre Navantia e a Universidade da Coruña, coa participación da Xunta de Galicia e de diferentes centros tecnolóxicos e de investigación, co fin de analizar os nosos procesos e implementar as tecnoloxías relacionadas co desenvolvemento dixital. Xa daquela, non había dúbida algunha de que a transformación dixital sería a pedra angular que garantiría o futuro dos estaleiros, non só en Ferrol senón a nivel mundial.

Os retos inmediatos aos que se enfronta os estaleiros da Ría de Ferrol son dificilmente comparables, incluso a nivel internacional. O desenvolvemento dun xemelgo dixital, concretamente o dunha fragata F-110, é algo que nunca antes fixo ningún estaleiro. É un fito na actual revolución industrial que dificilmente se pode emprender sen un compromiso total por parte da nosa dirección industrial no referente aos recursos humanos e no referente aos investimentos necesarios para transformar as instalacións. O propio plan de transformación conclúe que “implementar as tecnoloxías relacionadas co desenvolvemento dixital nas infraestruturas actuais (lonxevas e ineficientes), non permitiría alcanzar o nivel de excelencia necesario para ser un estaleiro competitivo ”.

O parágrafo anterior indícanos que se non temos un xemelgo dixital das nosas instalacións que optimice os procesos, non poderemos facer un xemelgo dixital dos nosos produtos, non esquezamos que o xemelgo dixital dun buque comeza na fase conceptual do deseño e unha das súas principais características é a preditiva: axúdanos a mellorar as distintas fases construtivas e sinala futuros problemas ou puntos de mellora.

Instalacións do novo estaleiro 4.0

Dacordo co anterior, a modernización das instalacións do estaleiro debe se-lo indiscutible alicerce da transformación dixital, co fin de mellora-la calidade dos produtos e reducir substancialmente o custo e os prazos dos mesmos.

Ademais de situa-lo estaleiro como referencia internacional, a modernización do estaleiro melloraría a captación de programas de exportación e situaría o estaleiro coma preferente no caso de levarse a cabo o consorcio naval europeo “Naval Airbus”.

Para o dimensionamento das novas instalacións, a nosa dirección tivo conta da tipoloxía de buques que construímos segundo a liña de negocio e a estratexia da nosa empresa e, en particular dos estaleiros da Ría de Ferrol.

Fases da construción do estaleiro 4.0

A dirección de Navantia preparou en xullo de 2018 un plan de fases que suaviza o impacto económico deste investimento e ao mesmo tempo dá resposta ás necesidades produtivas do estaleiro no curto-medio prazo.

  • Primeira fase: o dique terá unhas dimensións menores ás necesarias mirando ao futuro. Sería de 250 m x 50 m, e a capacidade de elevación nesta primeira  fase será dun único guindastre pórtico de entre 400 e 600 toneladas.
  • Segunda fase: constrúense os peiraos de armamento e o edificio de oficinas.
  • Terceira fase: aumenta o dique ata os 350 m de lonxitude e engádese un segundo guindastre pórtico de 400 toneladas.

Esta capacidade de elevación duplicaría a actual, permitindo a construción de bloques de dimensións maiores, reducindo o número de movementos e optimizando a estratexia construtiva.

Paralelamente a estas fases, está prevista a construción dun taller de sub-bloques que duplicará a capacidade actual de prefabricación e armamento. Este investimento xa está aprobado e en execución cunha valoración de 100 millóns de euros. É importantísimo entender que este taller non serve para nada sen a transformación total do estaleiro, nunca seremos quen de aproveitar as posibilidades deste taller coas actuais capacidades de montaxe e elevación que hai nas gradas.

Que beneficios se obteñen da transformación do estaleiro?

– Sería un factor clave para mellora-los actuais procesos de montaxe e armamento.

– Esta infraestrutura significaría unha redución significativa dos riscos e custos de botadura e manobras.

– Produciría un aumento da calidade nos traballos de aceiros, soldadura e pintura, que actualmente supoñen importantes retrasos, retraballos e custos de non calidade.

– Melloraría a prevención e as condicións sociolaborais, xa que todos os traballos terían lugar baixo cuberta.

– Menor contaminación ambiental. Emitiríanse menos partículas contaminantes na atmosfera e habería un maior control da calidade das augas pluviais contaminadas antes de bota-las ao mar.

– Habería unha redución importante dos custos de mantemento, actualmente moi altos debido á obsolescencia das máquinas e instalacións actuais.

– Auméntase a capacidade. Non esquezamos que actualmente non podemos emprender as obras contempladas no POA (plan operativo anual), para o noso centro sen depender do colaboración doutros centros.

– A obra civil da infraestrutura xeraría tal volume de traballo que por si soa mitigaría os efectos económicos da falta de carga de traballo na nosa comarca.

Outros beneficios para a cidade

Ademais dos beneficios comerciais indicados no punto anterior, debemos lembrar que unha parte importante do actual estaleiro revertería na cidade: edificios emblemáticos como o actual de dirección, ou o da Oficina Técnica serían desafectados do seu uso actual podendo cederse para outros usos:  universidade, museo, etc. Poderían formar parte tamén do proxecto tantas veces mencionado da candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade.

É UNHA OBRA ECONOMICAMENTE XUSTIFICABLE

Non hai dúbida de que socialmente a transformación dos estaleiros da Ría de Ferrol está máis que xustificaba. As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal teñen 200.000 habitantes e son altamente dependentes da saúde dos seus estaleiros.

Ademais, tamén é economicamente xustificable.

A nosa dirección simulou a redución de custos nun proxecto xa rematado como é o da F-105, e o resultado é que nun estaleiro 4.0 como o que se propón, a redución de custos na fabricación deste buque tería sido superior a 36 millóns de euros. O aforro calculado para un LHD supera os 62 millóns de euros.

• Cunha hipótese de contratar unha fragata anual e un LHD cada 5 anos, produciríase un retorno medio anual de 49 M€/ano, o que permitiría recuperar o valor do investimento en só 9 anos.

A dirección de Navantia conclúe que, se o estaleiro repetise o éxito dos últimos 30 anos, non só se devolvería o investimento, senón que xerariamos 400 M€ de beneficio.

Sería a 3ª transformación nos últimos 120 anos

A historia ensínanos que os cambios son necesarios para seguir vivindo. No noso estaleiro vímolo a principios do século XX coa modernización levada a cabo en “la naval” da man do inglés (1ª transformación). Vimos outra nova transformación do estaleiro nos anos 60 do século pasado, da man das fragatas americanas: novas gradas, dique nº3, Fábrica de Turbinas (2ª transformación). Esta transformación foi a base do éxito de Navantia na Ría de Ferrol nos últimos 30 anos. A segunda transformación requiriu da primeira, e esta, da existencia dos Arsenais do século XVIII. Agora é necesario acometer o “Plan de Modernización dos estaleiros de Ferrol. ESTALEIRO 4.0 “

ANÁLISE SINDICAL DA SITUACIÓN ACTUAL

Se a propia dirección de Navantia considera (ou polo menos consideraba no ano 2018), que para garantir o futuro na Ría de Ferrol é necesaria unha transformación, por que está a frear agora este proxecto?

Hai moitas incógnitas en torno á decisión da actual dirección de non solicita-lo investimento. Acabamos de explicar que é unha obra socialmente xustificable, industrialmente necesaria, e ademais, é recomendable economicamente.

Os fondos europeos de recuperación da actividade poden ser un mecanismo que impulse e acelere o proxecto de xullo de 2018 acadando o compromiso das diferentes administracións e de toda a cadea de actores deste proxecto tan vital para o futuro desta comarca. Isto fai que nos preguntemos: por que nin sequera se solicitan para este proxecto?

Por último, reafirmar o compromiso que temos en CC.OO. co futuro desta comarca a través da transformación dos seus estaleiros. Dende que este sindicato non deixaremos de esixir este investimento ata que esteamos convencidos con argumentos do contrario, pois dicir que non se contempla unha inversión que dende hai 5 anos considérase de vital necesidade para garantir o futuro do estaleiro, é o mesmo que dicir que non se contempla o futuro do estaleiro.